PONTEVEDRA> Os plantlovers ou o que é o mesmo, os amantes das plantas, teñen este sábado unha cita ineludible en Pontevedra. A Alameda acollerá a segunda edición do PlantFest, un evento dedicado a todo o relacionado coa cultura verde. Haberá intercambio de escallos, obradoiros familiares e concertos. Todo totalmente gratuíto. A proposta completarase con diferentes stands de venda e zona gastronómica.
A Alameda de Pontevedra converterase este sábado pola tarde no punto de encontro dos amantes das plantas e da cultura verde. A cidade acolle a segunda edición do PlantFest.
O que comezou o ano pasado como un pequeno encontro de intercambio de escallos impulsado polas responsables de Plántate, volve este día 14 como unha cita na que non faltará detalle e pola que o concello reforza a súa aposta.
Haberá obradoiros de pintado de macetas, de plantado de fresas e unha guía básica para o coidado de plantas de interior. Tamén stands con diferentes marcas e propostas relacionadas con mundo das plantas e charlas a cargo dalgunhas das voces máis recoñecidas da cultura verde en Galicia. As actividades serán gratuítas, con inscrición no lugar o propio sábado. Non faltará tampouco esa posibilidade de intercambiar escallos con outros amantes das plantas.
Haberá ademais concertos, mesmo cunha sesión de música vexetal, a entrega dos premios Plantlovers e unha zona gastronómica para completar o plan.











