Dúbidas, chamadas á policía local e hostaleiros indignados nas primeiras horas do novo plan de tráfico da Illa

A ILLA> Xa está en marcha o novo plan de mobilidade da Illa de Arousa. Un total de 45 rúas dunha parte do centro urbano pasan a ser zona residencial. O tráfico quedou restrinxido a residentes, aínda que servizos e visitantes tamén poderán acceder en determinados casos. O concello insiste que o paquete de medidas servirá para evitar o colapso circulatorio que dende hai anos sufría esta zona. Comerciantes e hostaleiros cargan contra as medidas e pídenlle ao goberno local que recapacite.

Despois dun período de probas, o novo plan de tráfico do centro urbano da Illa xa está en vigor. O sistema de cámaras xa funciona a pleno rendemento, limitando o acceso en 45 rúas. Aqueles vehículos que non poidan pasar por aí serán sancionados con 200 euros. Nestas primeiras horas coas medidas en marcha, son moitos os que teñen dúbidas de como funciona todo. Estanse poñendo en contacto co concello e a Policía Local para ter as cousas claras.

No concello insisten en que esta revolución na mobilidade da Illa non ten afán recadatorio, senón poñer couto ao caos circulatorio que se vivía nesta zona do municipio, con rúas moi estreitas e queixas constantes por parte da veciñanza.

Pero non o ven así os negocios que están dentro desta zona afectada. Seguen preocupados por como pode afectar todo isto á súa economía.

No seu caso, máis que a cuestión dos turistas, preocúpalle especialmente a resposta dos clientes que veñen doutras vilas recoller no local os seus pedidos.

Un pouco máis adiante, noutro local, din que era moito mellor que peonalizasen todo antes de implantar todo este rosario de medidas.

E máis alá de cómo pode afectar todo isto ao turismo, din estar preocupados por como lles afecta a eles como veciños. Porque cada vivenda dispón de ata cinco autorizacións temporais ao mes para que unha visita poida meter por aquí o coche sen necesidade de xustificación. Din que xera moitas molestias.

Unha medida que o concello abre a porta a ir adaptando, segundo o resultado que vaia dando este novo plan. Polo de agora dende o concello din que o plan xa está dando resultado, cunha redución do volume de tráfico nas zonas máis conflitivas.

E defende que se crearon bolsas de estacionamento para que os que veñen de fóra deixen o coche e se movan a pé por un núcleo urbano de reducido tamaño. Unha cuestión na que tamén son críticos os comerciantes e hostaleiros, que insisten que as prazas de estacionamento non chegan.