Moldes, novo alcalde de Poio co compromiso de gobernar ‘para todos’

POIO> En Poio non houbo sorpresa, pero si un cambio histórico. O popular Ángel Moldes é o novo alcalde do municipio, logo de 28 anos co nacionalista Luciano Sobral á fronte do concello. As primeiras palabras do novo rexedor foron, precisamente, de recoñecemento ao xa exalcalde. Moldes prometeu gobernar para tódolos veciños, coa man tendida -dixo- aos dous grupos da oposición.

Deste xeito comezou o cambio de ciclo no concello de Poio. O popular Ángel Moldes fíxose co bastón de mando grazas aos seus 10 concelleiros. Ponse fin así a case tres décadas de hexemonía do BNG no municipio. As primeiras palabras do xa alcalde foron de recoñecemento ao nacionalista Luciano Sobral, alcalde durante 28 anos. Tamén se compromeute a gobernar para todos.

Malia gozar de maioría absoluta, tendeu a man ao PSOE e o BNG, agora na oposición. O PSOE e BNG prometeron unha  oposición construtiva e firme.

A sesión foi seguida dende o exterior do concello por ducias de veciños a través dunha pantalla xigante. Ao remate do Pleno, o novo equipo de goberno saudou aos público alí reunido xa nun ambiente festivo.