POIO> O concello de Poio avanza no deseño do futuro da illa de Tambo. Esta mañá presentouse o seu Plan de Usos e Conservación, elaborado polos arquitectos Sergio Portela e Juan Portela. A proposta pasa por preservar a illa e, ao tempo, facela desfrutable á cidadanía. Para isto, plantexan o seu uso como un espazo para celebrar congresos, habilitar algunhas das praias para uso público e a construción dun anfiteatro.
Garantir a conservación da illa e, ao tempo, facela desfrutable para a veciñanza. É o obxectivo do Plan de Usos e Conservación de Tambo, elaborado polos arquitectos Sergio Portela e Juan Portela.
Sobre a flora, o plan de usos recorda que o 95% da superficie está ocupada por eucalipto branco. Algo que requirirá dun importante esforzo de recuperación.
En canto ás construcións, a intención é recuperar algunhas das existentes. O plan propón a recuperación do lazareto para usos hostaleiros ou congresuais, a restauración da capela e do polvorín e a conversión do destacamento nun Centro de Interpretación. Tamén se recolle a creación dun anfiteatro aberto. Así as cousas, o acceso a Tambo seguirá a estar controlado.
Sobre as praias, unha parte de Area da Illa preservarase como espazo natural mentres que o resto será de uso público. Tamén será accesible o areal de Tenlo. Adreira e a de Oeste, manteranse como reserva. O plan elaborouse partindo das experiencias vividas noutras illas para evitar repetir posibles erros.
O concello está a traballar tamén na elaboración da documentación necesaria para solicitar para Tambo a consideración de Espazo Natural de Interese Local, que integrará este Plan de Usos.











