En marcha os traballos de demolición das partes afectadas polo lume no edificio da rúa Riestra

PONTEVEDRA> Xa están en marcha os traballos de demolición das partes máis afectadas polo lume do edificio que ardeu este martes na rúa Riestra de Pontevedra. O dispositivo comezou a primeira hora da mañá e foi, cando menos, chamativo: un guindastre de grandes dimensións tivo que suspender no aire un colector de obra para recoller os cascallos. A rúa permanece pechada neste punto e os traballos prolongaranse, cando menos, ata mañá.

Estas imaxes do interior do edificio número 4 da rúa Riestra amosan os estragos que fixeron as lapas na súa estrutura.

Os traballos diríxense agora a garantir a seguridade na zona, por iso esta mañá comezaron os labores de demolición das partes máis afectadas cun vistoso dispositivo: un guindastre de grandes dimensións tivo que suspender no aire un colector de obra para recoller os cascallos.

Tamén se desmontará a cuberta da zona da dereita e, probablemente, a medianeira, que resultou moi afectada polo incendio. Un proceso lento e delicado.

Ao tempo que se realizan estes traballos, irase comprobando a estabilidade do resto da estrutura. Co obxectivo de determinar cando será posible acceder ao que queda do inmoble, incluíndo os negocios que están nos baixos. Ademais, a concelleira fixo un chamamento á veciñanza para que respecten os valados.

En canto á investigación sobre o lume, a Policía Xudicial da Policía Nacional de Pontevedra xa enviou ao Xulgado de Garda as dilixencias, cun informe que cualifica o lume como fortuíto. Agora será o xulgado quen determine se hai que seguir investigando o sucedido.