Cambados desconta os días para a LXXIII Festa do Albariño

CAMBADOS> Cambados xa conta os días para que o albariño encha as súas rúas. Do 30 de xullo ao 4 de agosto a vila celebrará a edición número 73 da súa festa grande, convertida nun evento multitudinario e un referente cultural e turístico. Haberá concertos, pasarrúas e actividades para todos os públicos pero o epicentro continuará a ser o Paseo da Calzada. Alí instalaranse as 42 casetas que acollerán as adegas da DO Rías Baixas coas neveiras cheas para que os seus viños sexan os verdadeiros protagonistas.

Xa coñecemos os detalles que marcarán a 73 edición da Festa do Albariño de Cambados. Un evento multitudinario que, segundo explican dende o concello, supón un gran esforzo organizativo para garantir que transcorre sen sobresaltos.

A festa desenvolverase do 30 de xullo ao 4 de agosto. O epicentro volverá estar no Paseo da Calzada. Aquí instalaranse 42 stands que acollerán os viños de 44 adegas representando a todas as subzonas da DO Rías Baixas. O horario de peche será ás 3 da mañá.

O Consello Regulador organiza tamén a cata-concurso, que conta con 60 adegas inscritas na súa vixésimo oitava edición e cuxos gañadores coñeceremos o domingo despois do xantar oficial. Tamén o Túnel do Viño, unha opción máis profesional para achegarse á DO Rías Baixas.

En canto á inauguración da festa, será o mércores 30 ao mediodía. Este ano o pregón correrá a cargo do veciño de Cambados José Manuel Rodríguez, Domin.

Durante os días de festa, porase en marcha un reforzado plan de seguridade, ao que se incorporan dúas ambulancias. Os dispositivos de tráfico e limpeza serán semellantes.

A Festa do Albariño inclúe unha programación que busca chegar a todos os públicos. Comezará xa o 29 coa actuación da orquestra Panorama na Praza de Fefiñáns. O concerto grande será tamén en Fefiñáns, a cargo dos cantantes de música urbana Dei V, Brytiago e Yan B. Tamén haberá zona gastronómica, con 13 food trucks na zona do paseo.