TENERIFE> O 24 de xaneiro de 2026 será a nova cita de Pontevedra co máis destacado do audiovisual español. A cidade volverá vestir de gala para acoller a súa segunda gala dos Premios Feroz. O evento foi presentado hoxe en Tenerife e, ademais de facer pública a data, tamén se desvelou quen será a súa primeira presentadora: a artista Samantha Hudson.
A alfombra vermella volverá despregarse no Pazo da Cultura de Pontevedra o vindeiro 24 de xaneiro de 2026. É a data escollida para a celebración da gala dos Premios Feroz, a segunda que acollerá a cidade.
O anuncio foi feito en Tenerife, no marco do Festival Lo que Viene que impulsa a Asociación de Informadores Cinematográficos de España. Tamén se deu a coñecer o nome da súa primeira presentadora: a artista Samantha Hudson. Teremos que agardar aínda un pouco máis para coñecer as outras tres persoas que a acompañarán para guiar a gala.
O ano pasado, a cita reuniu en Pontevedra a máis de 1000 convidados para a cerimonia e unhas 1.100 persoas de público. Para o 2026, o obxectivo é realizar unha gala aínda mellor.
O rexedor destacou a implicación da cidadanía cos Premios Feroz. Non en van, o ano pasado as actividades previas á gala colgaron o cartel de completo.
Fernández Lores destacou a importante axenda na que está mergullada a cidade. En tan só quince días, Pontevedra celebrou un Mundial de Multisport, o concerto de Jennifer López, estivo presente en Tenerife na presentación dos Feroz 2026 e esta fin de semana acollerá o festival BigSound.











