POIO> Esta décimo sexta etapa de La Vuelta arrancou sen complicacións dende Combarro, no concello de Poio. A contorna do porto e da praza da Chousa concentraron os equipos e as presentacións dos ciclistas antes do inicio da proba. Pouco despois da 1 do mediodía realizouse o corte da cinta e a saída neutralizada do pelotón. Todo en medio dun amplo dispositivo de seguridade.
Combarro, no concello de Poio, entregouse esta mañá para exercer como punto de partida da décimo sexta etapa de La Vuelta ciclista a España. Un amplo dispositivo mantivo o tráfico cortado na contorna da praza da Chousa para acoller todo o despregamento da proba deportiva.
Ao redor das 11 da mañá a contorna do porto comezou a bulir de actividade. Ademais do traballo dos equipos dos clubs ciclistas participantes, moitos veciños e turistas comezaron a concentrarse na zona para non perderse o inicio desta cita.
Á 1 do mediodía as autoridades procedían ao corte da cinta. Despois, o pelotón iniciaba a saída neutralizada.
Outro dos momentos do paso de La Vuelta por Combarro protagonizarono dous axentes da Garda Civil, o pontevedrés Daniel Barcia e a súa parella Silvia Mora. Trala presentación do persoal e os medios que forman a unidade de mobilidade e seguridade viaria do corpo que dá cobertura a La Vuelta, el aproveitou para pedirlle matrimonio, con anel incluído.
A pesares das protestas ao longo do trazado contra a participación do equipo Israel-Premier Tech e en sinal de apoio ao pobo palestino, en Combarro a proba arrancou con normalidade. Iso si, a diferenza do que se fixo cos demais equipos participantes en La Vuelta, a organización decidiu non presentar antes da proba ao equipo israelí.











