Da uva á copa: cata de vendima en Pontevedra para coñecer de principio a fin o proceso do viño

PONTEVEDRA> A Ruta do Viño Rías Baixas prepara unha nova edición da súa Cata de Vendima. Trátase dunha proposta na que se explica todo o proceso do viño, dende a recollida da uva ata a súa elaboración. Os asistentes poderán aprender de forma práctica e visual os distintos factores que afectan ao crecemento da uva, así como as distintas variedades da Denominación de Orixe Rías Baixas. A cata vai ter lugar o vindeiro 19 de setembro no Pazo de Mugartegui en Pontevedra. As entradas xa están á venda.

Trátase dunha experiencia completa arredor da elaboración dos viños de Rías Baixas, dende o inicio ao final. A Ruta do Viño Rías Baixas prepara unha nova edición da súa Cata de Vendima. Unha experiencia que vai ter lugar en Pontevedra, no Pazo de Mugartegui, o vindeiro día 19 de setembro. A proposta permite ao público coñecer os distintos tipos de uvas, mostos e viños da Denominación de Orixe Rías Baixas.

A actividade contará con prazas limitadas. Estará dirixida polo sumiller Nacho Costoya.

Os asistentes aprenderán de forma práctica e visual os distintos factores que afectan o crecemento da uva, así como as diferenzas entre as distintas variedades autóctonas da Denominación de Orixe: albariño, treixadura, loureira, pedral, sousón e caiño tinto. Unha experiencia que lles achegará de primeira man a vendima en Rías Baixas, pensada para un público amplo.

Como xa vén sendo habitual, estes viños maridarán con conservas de peixes e mariscos de ANFACO-CECOPESCA. Unha organización coa que a Ruta do Viño Rías Baixas colabora de forma habitual porque, segundo indican, os seus produtos xeran valor e se complementan moi ben coa ruta.

As entradas para esta actividade xa están dispoñibles en ataquilla.com.