O novo colexio de Portosín será unha realidade para o curso 22-23

PORTO DO SON> Satisfacción no executivo sonense trala xuntanza mantida co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, co fin de axilizar varios proxectos de envergadura para o municipio. Un deles sería o do noco colexio, que segundo o rexedor poderá ser unha realidade para o curso que vén.

O rexedor sonense mostrouse moi satisfeito da xuntanza mantida co titular do Goberno Autonómico. A reunión tiña coma principal finalidade abordar diversos asuntos de interese para o municipio co fin de axilizar o seu proceso de execución. Unha delas, se cadra o máis avanzado, é a construción do novo colexio de Portosín, que irá aparellado á remodelación que a Demarcación de Costas ten previsto realizar na praia de Coira e que incluirá o derrube do actual centro educativo alí emprazado.

A xuntanza co presidente da Xunta trouxo tamén avances importantes en canto á construción do novo centro de saúde na localidade, outra das prioridades do goberno sonense. Feijóo trasladoulle ó rexedor que será unha obra prioritaria para a Xunta, permitindo así mellorar as prestacións do actual dispensario.

Na xuntanza, á que tamén asistiu a tenente de alcalde, María Maneiro, tratáronse tamén outros asuntos de interese como a marcha das obras de mellora da fachada marítima de Porto do Son, nas que a Xunta está a investir preto dos cinco millóns de euros, ou novos proxectos de saneamento, como é o caso dos de Queiruga ou Sampedro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí