Etiqueta Negra reunirá en Pontevedra un cento de expositores e presentará vinte novos produtos gourmet galegos

PONTEVEDRA> O gourmet galego prepárase para a súa cita ineludible en Pontevedra. Os días 8, 9 e 10 de novembro o Recinto Feiral acollerá unha nova edición, e xa van nove, de Etiqueta Negra. O salón xa está consolidado como o gran escaparate da innovación, a calidade e o talento dos produtores de toda Galicia. Este ano reunirá un cento de expositores e presentará vinte novidades.

Volve o gran escaparate do produto galego de alta gama. Pontevedra celebrará a novena edición do salón Etiqueta Negra. Será os días 8, 9 e 10 de novembro no Recinto Feiral.

O encontro reunirá un cento de expositores. Para dezaseis será a súa primeira vez no Etiqueta Negra. Ademais está prevista a presentación de máis de vinte novidades, enmarcadas nunha programación que supera as 90 actividades entre charlas, catas e degustacións.

Por provincias, o 35% dos expositores proceden de Pontevedra, o 28% da Coruña, o 22 de Ourense e o 15% restantes, de Lugo.

A feira abrirá as súas portas o sábado e domingo de once da mañá a nove da noite, e o luns de once da mañá a sete da tarde. O prezo da entrada será de tres euros por día ou cinco euros polo abono das tres xornadas. O recinto contará cunha zona gastronómica e foodtrucks para completar a experiencia do público visitante.