Os Feroz non cambian: os premios ‘tripitirán’ no 2027 e volverán celebrarse en Pontevedra

PONTEVEDRA> Os Premios Feroz non cambian. Por terceiro ano consecutivo, Pontevedra volverá acoller a cerimonia de entrega destes galardóns do audiovisual estatal. Será o vindeiro 23 de xaneiro de 2027 pero tanto o concello como a Asociación de Informadores Cinematográficos de España anunciaron que haberá unha ampla programación previa, con proxeccións, charlas e coloquios que traerán ata a cidade a algúns dos persoeiros máis relevantes do sector.

Os Feroz e Pontevedra fan súa a famosa canción de Yurena.

E hoxe confirmaron que manteñen o seu idilio: os premios do 2027 volverán entregarse na cidade.

A cerimonia será o vindeiro 23 de xaneiro do 2027 no Recinto Feiral, convertendo así a Pontevedra na primeira cidade, ademais de Madrid, que acolle estes premios tres anos consecutivos.

Esta decisión foi tomada pola nova directiva da Asociación de Informadores Cinematográficos de España, agora presidida por Alicia García. Hoxe estivo en Pontevedra a nova vicepresidenta, Elena Sánchez, que confirmou que se manterá a ampla programación previa.

Está previsto que a AICE anuncie os nomeados aos Premios Feroz 2027 a finais do mes de novembro. Nas anteriores edicións este anuncio tamén se fixo dende Pontevedra.