PONTEVEDRA> A Asociación pola Defensa da Ría retoma as súas mobilizacións. O vindeiro domingo 4 de xullo a APDR convoca a súa marcha para reclamar que ENCE deixe Lourizán. Farao coa vista posta na Audiencia Nacional, á espera de que se pronuncie sobre a validez, ou non, da prórroga outorgada por Mariano Rajoy á factoría ata o 2073. A sala que ten que decidir sobre o futuro da pasteira sentará a deliberar o martes 22 de xuño. Dende a APDR xa adiantan que seguirán presentando todos os recursos que sexan necesarios.
Fóra xa! Continúa ser o berro de guerra da Asociación pola Defensa da Ría contra ENCE. O domingo 4 de xullo a APDR retoma as mobilizacións, e convoca a súa tradicional marcha contra a pasteira.
A cita leva anos celebrándose, co único parón do ano pasado por mor da pandemia. Coma sempre, os participantes sairán á vez dende as alamedas de Marín e Pontevedra ás 12 do mediodía para atoparse ás portas de ENCE.
A marcha celebrarase coa vista posta na Audiencia Nacional. O 22 de xuño reunirase a sala que ten que decidir sobre a validez ou non da prórroga concedida polo goberno de Mariano Rajoy á factoría ata o 2073.
Ademais, os informes que se deron a coñecer recentemente sobre a presenza de mercurio nos terreos de ENCE son un motivo máis para a APDR para seguir loitando pola marcha da pasteira de Lourizán. Aínda que se responsabiliza a Elnosa, dende a asociación sinalan directamente a ENCE.
Antes da celebración da marcha a asociación repartirá folletos polas rúas de Pontevedra coas reivindicacións da campaña deste ano.