Ruíz reclámalle ao Goberno Central máis firmeza na defensa dos intereses estratéxicos do sector pesqueiro

BARBANZA> O Partido Popular levou á Comisión de Pesca do Senado unha moción a través da cal lle esixía ó Goberno central un maior liderado na defensa dos intereses estratéxicos, con visión de país e capacidade de influencia ante as institucións europeas.

O portavoz de Pesca do grupo popular, Manuel Ruíz, destacou na súa intervención o papel de España como potencia pesqueira dentro da unión Europea, tanto polo volume de capturas como pola dimensión da súa flota.

Aínda así, segundo el, os intereses do sector pesqueiro español veñen sufrindo un progresivo deterioro nos últimos anos, no marco das decisións comunitarias.

Ruíz advirte da proximidade das negociacións das cotas, de aí que sexa necesario, segundo el, reforzar a presenza e influencia de España nos  foros de decisión europeos.

Do mesmo xeito o senador popular pide impulsar tamén unha estratexia conxunta a nivel estatal para a negociación de acordos bilaterais de pesca con terceiros países, que garanta o acceso efectivo a caladoiros para a flota española e unha compensación xusta en termos de esforzo pesqueiro e contrapartida financieira.

A proposta saíu finalmente adiante, a pesar do voto en contra do PSOE, e a abstención doutros grupos, entre eles Vox.