BOIRO> O BNG do Barbanza iniciou unha campaña informativa para denunciar a crise xerada pola alza de prezos nos servizos básicos. Ademais dunha serie de medidas propostas nos concellos e no Parlamento, os nacionalistas barbanzáns secundarán a mobilización prevista para o próximo domingo en Santiago.
Fronte á parálise que denuncian dos gobernos central e autonómico, o BNG levará ó Parlamento unha serie de medidas para paliar a alza de prezos tanto en determinados sectores económicos como entre a propia cidadanía. Entre outras, propoñen que se aplique o IVE superreducido a produtos básicos e se manteña a bonificación do gasóleo no sector pesqueiro e agrícola.
Con respecto ás familias con menos ingresos, demandan un incremento dos salarios e pensións mínimas así como a compatibilidade de percepción da Risga co Ingreso Mínimo Vital.