O BNG de Muros-Noia presenta emendas aos Orzamentos da Xunta por valor de máis de 25 millóns de euros

MUROS/NOIA> O BNG denuncia o esquecemento da Xunta de Galicia cos concellos das comarcas de Muros e Noia que queda  reflectido un ano máis nos orzamentos para o ano 2026, no que se dedican segundo eles cero euros de investimentos.

Para tratar de paliar esta situación, os nacionalistas presentarán diversas emendas por un valor de máis de 25 millóns de euros, que inclúen actuacións para eles prioritarias para estas dúas comarcas.

Unha das máis importantes vai referida á recuperación da Ría, con obras concretas para a mellora de bombeos e desenvolvemento do plan director do saneamento de Noia, a mellora do saneamento en Outes ou o saneamento en Baño-Laxeiras, en Serres, Muros.

En canto a infraestruturas piden tamén o arranxo integral e a mellora da seguridade vial na estrada AC-550 ó seu paso polos concellos destas dúas comarcas, con especial relevancia en Outes, a aposta polo mantemento da planta de Servia, sen esquecer tampouco a creación de chan industrial en Porto do Son.

Os nacionalistas poñen o foco tamén das súas demandas en actuacións de índole social, entre as que se inclúen a creación de vivenda pública en Outes e Noia ou a construción da gardería infantil en Noia.

Tamén botan en falla a construción do Centro de Interpretación do Castro de Baroña, a execución da 2ª fase da rehabilitación do Cine París de Muros ou a restauración e creación do Museo de Laudas Gremiais en Noia, sen esquecer tampouco a mellora das instalacións deportivas de Porto do Son, en concreto no polideportivo de Santa Irene e no complexo deportivo municipal.