Finisterrae demanda máis apoio institucional para a posta en marcha dun centro terapéutico

MUROS> A Asociación de Pacientes Finisterrae segue a demandar a cesión dun local por parte do concello de Carnota para poñer en marcha diversos servizos de apoio ós enfermos de cancro. Este martes, Día Mundial do Cancro Infantil, volveron sacar á rúa a súa campaña de captación de socios para sumar apoios á hora de demandar unha sanidade pública de calidade.

En xaneiro de 2018 nacía en Carnota a asociación de pacientes Finisterrae co obxectivo de prestar servizo ós enfermos e as súas familias. Catro anos despois e cunha pandemia de por medio, os fundadores da entidade xa están cansos de chamar ás portas dos concellos da costa da morte en busca de apoio. Tan só demandan a cesión dun local para poder poñer en marcha un centro terapéutico.

Outro dos seus principais retos consiste na mellora da calidade asistencial a través da dotación de máos medios ó Hospital de Cee, para o que reclaman unha UCI con servizo 24 horas ou a implantación de máis especialidades.

Para conseguir os seus obxectivos teñen en marcha unha campaña de recollida de sinaturas a través da plataforma change.org.