Mimarte e Cáritas Ribeira celebrarán a Gala Solidaria de Nadal o 13 de decembro

RIBEIRA> Ribeira dará a benvida á programación do Nadal cun dos seus clásicos. A Gala Solidaria en favor de Cáritas celebrarase o 13 de decembro da man dos artistas da escola de teatro musical ‘Mimarte’.

Xa están á venda as entradas para a Gala de Nadal de Cáritas que se celebrará o 13 de decembro no auditorio municipal de Ribeira. Os alumnos de Mimarte serán os encargados de levar a escena este espectáculo co humor como fío condutor e que inclúe tamén un conto de Nadal do máis futurista.

O obxectivo deste evento é sensibilizar á poboación e dar a coñecer o labor de Cáritas ó tempo que se recadan fondos para axudar a sufragar os numerosos programas que a entidade ten en marcha.

Haberá unha fila cero, con 200 entradas reservadas, para aqueles que non poidan asistir pero desexen contribuír á causa. Entrarán tamén no sorteo de agasallos. A gala dará comezo ás oito da tarde e a apertura de portas será media hora antes. As entradas xa se poden adquirir na sede de Cáritas ou no Espazo Mimarte.