Carla Simón recolle en Pontevedra o I Premio de Cinematografía do festival Novos Cinemas

PONTEVEDRA> A directora Carla Simón recolleu hoxe en Pontevedra o primeiro Premio de Cinematografía que concede o festival Novos Cinemas da cidade. Hai oito anos xa estivera nesta cita, presentando a súa opera prima, Estiu 1993. Deste xeito, a organización do festival recoñece o risco creativo e a coherencia ética e estética da realizadora catalá.

Carla Simón recolleu hoxe o Premio de Cinematografía do festival Novos Cinemas de Pontevedra. A realizadora catalá é a primeira en recibir este galardón.

Simón volveu a Novos Cinemas oito anos despois de presentar neste festival Estiu 1993. Hoxe resaltou a súa unión con Pontevedra e as Rías Baixas.

A realizadora tamén se referiu á súa última película, Romería. Gravada en Pontevedra e Vigo, para Simón é a peza que pecha os seus filmes máis persoais, sobre a súa familia e sobre as súas raíces. Non en van, seu pai biolóxico era vigués.

Carla Simón estrea así este galardón co que os responsables de Novos Cinemas buscan recoñecer o risco creativo e a coherencia ética e estética dos premiados.

A escultura que dá forma ao premio é unha peza deseñada en aceiro inoxidable da artista Eva Tarrío.