A febre da Lotaría de Nadal xa se nota nas administracións das Rías Baixas

VILAGARCÍA> Conta atrás para o Sorteo da Lotaría de Nadal. Nas administracións comeza a notarse que hai ganas de que chegue o 22 de decembro. Estes días non paran de vender décimos, non vaia ser que a sorte acabe caendo polas Rías Baixas. Nós hoxe estivemos nunha administración de Vilagarcía, á que non parou de achegarse xente durante toda a mañá para facerse cun ou varios boletos.

Din que a sorte soe aparecer cando menos se agarda, así que nós hoxe fomos buscala a Vilagarcía. Nesta administración da rúa do Río xa se nota que non queda nada para o sorteo da Lotaría de Nadal. Quen máis e quen menos sae de aquí cun décimo, como mínimo, para o gran sorteo do día 22.

Moitos mercan pola tradición ou polo bonito que é compartir un décimo coa familia ou as amizades.

Iso si, sabendo que as probabilidades que mercar o décimo do gordo son máis que reducidas.

Nesta administración xa levan días notando máis afluencia de público na conta atrás para o sorteo.

E aínda que a moitos dálles igual, hai terminacións que sempre gustan máis ca outras…

De media, cada un de nós gastará uns 76 euros na Lotaría de Nadal. A cambio podemos facernos cun premio gordo de 4 millóns de euros a serie.

E ollo, se o 22 a sorte decide pasar de longo xa saben que temos unha segunda oportunidade en Reis, coa lotaría do Neno.

E se nin tampouco para daquela facemos fortuna, xa se sabe o caso é ter saúde e poder seguilo contando un ano máis.