Cinco casos de éxito fan avanzar a Boa Vida no seu proxecto para afrontar a soidade e a falta de vivenda

PONTEVEDRA> Cinco experiencias de vivenda compartida e alugueiro ético funcionan con éxito en Pontevedra. Son as primeiras que se poñen en marcha baixo o paraugas da asociación Boa Vida. O obxectivo é afrontar dous problemas da sociedade actual: a soidade non desexada e a escaseza de vivenda. Este programa comezou polo rural pontevedrés. Agora o colectivo quere amplialo, levándoo tamén ao casco urbano.

Hai un ano, a asociación Boa Vida poñía en marcha os proxectos ‘Vida compartida’ e ‘Fogares Creativos’ cun dobre obxectivo: afrontar a soidade non desexada e a escaseza de vivenda. Actualmente contan con cinco experiencias exitosas.

O perfil das persoas acolledoras é semellante: son xubilados ou prexubilados que viven sos sen querelo. No caso dos acollidos, teñen entre 30 e 69 anos e están desempregados, traballan na economía somerxida ou os seus salarios non son suficientes para permitirse acceder a unha vivenda.

No caso dos alugueiros éticos do programa ‘Fogares Creativos’, Boa Vida ten dúas vivendas: unha en Vilaboa e outra en Pontevedra. A asociación actúa de avalista a persoas desempregadas, sen papeis de residencia ou en risco de exclusión social.

A iniciativa comezou mirando cara as parroquias do rural pontevedrés. Agora, nesta segunda fase, pretenden chegar ao casco urbano da cidade.

Estes programas de Boa Vida contan co apoio do concello de Pontevedra, que achega 15.000 euros para contribuír a que sexan unha realidade.