VILANOVA> Gonzalo Durán nin se arrepinte nin retira as polémicas palabras contra a presidenta da Deputación de Pontevedra, nas que dicía que Carmela Silva era a ‘chacha para todo’ do rexedor de Vigo. Polo de agora, o alcalde de Vilanova deixa o asunto nas mans da xustiza. Asegura que ninguén do PP lle pediu que dimitira e advertiu que, en tal caso, serán os veciños de Vilanova os que decidan o seu futuro
Moita expectación está mañá no Salón de Plenos de Vilanova para escoitar a Gonzalo Durán. O alcalde da localidade rachou hoxe o seu silencio, despois de que o pasado venres estalase a polémica polas súas declaracións contra a presidenta da Deputación de Pontevedra, nas que asegurou que Carmela Silva é a ‘chacha para todo’ do ‘ancián’ Abel Caballero, o alcalde de Vigo.
Despois de que a Deputación anunciase unha denuncia contra el, hoxe durán nin se retractou nin perdiu perdón por esas declaracións.
O alcalde evitou en varias ocasións valora-las súas propias declaracións do pasado venres. Concluíu que será unha decisión xudicial a que lle da ou lle quite a razón.
Durán acusa á Deputación de Pontevedra de sobre actuar, lanzando unha denuncia na súa contra polas súas polémicas palabras para tapa-las dúas causas abertas entre o Concello e o ente provincial, a conta da estrada de Baión e a piscina de Vilanova. Asegura o rexedor que eses fondos provinciais, procedentes de Vilanova e doutros moitos concellos pequenos da provincia, foron desviados en beneficio de Vigo.
Despois de que tanto o presidente como o vicepresidente da Xunta tachasen de ‘desacertadas’ as declaracións do alcalde de Vilanova, hoxe o rexedor asegurou que ningún membro do PP, nin a nivel galego nin estatal, lle dixo que a expresión empregada contra Silva fora inapropiada. Asegura e xura que ninguén no PP lle pediu que dimitise.
Despois de que a treboada política se desatase en Vilanova, o caso chegou tamén á Mancomunidade do Salnés, presidida en funcións por Gonzalo Durán. Agora, o grupo socialista pídelle que substitúa a Durán na presidencia, ameazando con planta-lo ente supramunicipal. Ante este desafío, Durán vaticina que nada vai cambiar tampouco na Mancomunidade e que le continuará á fronte do organismo.
GonzaLo Durán compareceu no Concello arroupado polo seu equipo de goberno, tres deputados provinciais do PP, Salomé Peña, Luis Aragunde e Ángel Moldes, e a alcaldesa de Moraña, Luísa Piñeiro.