O Black Friday ennegrece as vendas no comercio de proximidade

VILAGARCÍA> Estamos xa ás portas do famoso Black Friday. En Vilagarcía, a maioría dos establecementos asociados ao colectivo Zona Aberta rexeitan esta campaña, polas perdas que xera no pequeno comercio. Din que as súas consecuencias van máis alá, porque dende hai semanas notan unha contención do gasto, por moitos que agardan ao Black Friday para face-las súas compras. Afecta tamén á campaña de Nadal porque moitos prefiren adiantar xa as súas compras.

Para moitos establecementos da nosa contorna o Black Friday é un auténtico venres negro para a súa caixa. Aquí en Vilagarcía, moitos establecementos rexeitan esta campaña importada dos Estados Unidos. É o caso da maioría dos negocios asociados a Zona Aberta.

Din que as consecuencias do Black Friday nótanse dende hai semanas, porque moitos clientes pospoñen as súas compras agardando por estas datas.

Un problema que vai máis alá. O Black Friday, din, ten tamén o seu impacto na campaña do Nadal. Nestes días, moitos xa aproveitan para deixar feitas as compras de Papa Noel e Reis.

Colectivos como Zona Aberta seguen reivindicando que para salva-lo comercio de proximidade todos debemos tomar conciencia. Agardan tamén unha nova edición dos bonos Son da Casa, como un polo de atracción da veciñanza ao comercio da cidade.

E dende o concello responden que xa están a traballar na vindeira edición.

A previsión de Ravella e lanza-la campaña do Son da Casa ao longo desta mesma semana.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí