Gasolineiras cheas e problemas informáticos no primeiro día que se aplica a bonificación do carburante

POIO> Gasolineiras abarrotadas e problemas informáticos no primeiro día de bonificación da gasolina. As estacións tiveron dificultades á hora de aplicar os descontos o que propiciou colas nos surtidores. Os propietarios das gasolineiras piden axilidade ao goberno coas compensacións para evitar que moitas pequenas estacións teñan que pechar.

Ante o alto prezo dos combustibles e as manifestacións dos transportistas, o goberno central decidiu tomar medidas e bonificar con 20 céntimos cada litro que se encha. A medida xa entrou en vigor e no primeiro día as gasolineiras atopáronse con moitos clientes pero tamén con problemas informáticos á hora de aplicar os descontos.

As gasolineiras manteñen nos paneis os prezos actuais da gasolina e posteriormente aplícase o desconto aos usuarios á hora de pagar. Os problemas viñeron ao aplicar esta bonificación.

Dos 20 céntimos que se bonifican, 15 son subvencionados polo estado e os outros 5 os asume a gasolineira. Dende as estación ven ben a medida pero piden axilidade ao goberno para realizar aos pagos, de non ser así, moitos pequenos e medianos negocios veríanse obrigados a pechar temporalmente ao non poder asumir este desconto.

O presidente da federación de gasolineiras de Pontevedra tamén quixo desmentir as acusacións de que as estacións estaban a subir os prezos para asumir esta bonificación.

O presidente matiza que de facer o contrario estarían cometendo unha estafa. Asegura que as estacións están a favor da baixada dos prezos xa que iso supón que máis xente vaia a encher os seus vehículos. De feito, hai gasolineiras que ofertan descontos máis grandes que o bonificado polo goberno.