Galicia reivindica en Fitur a marca ‘Galicia calidade’ no seu maior stand ata o momento

GALICIA> Galicia está presente un ano máis en Fitur centrando a súa campaña na marca ‘Galicia Calidade’. A proposta busca amosar o turismo na nosa comunidade a través de experiencias concretas. Pon o foco, por exemplo, no eclipse solar de agosto, no Camiño de Santiago e na nosa oferta gastronómica. Todo nun stand de máis de 1.200 metros cadrados, o maior ata o momento, que mestura tecnoloxía e sostibilidade.

Galicia ten máis presenza ca nunca na Feira Internacional de Turismo que comezou este mércores en Madrid. O stand galego medrou en superficie, un 14% máis que na edición anterior. Ten máis de 1.200 metros cadrados e é o máis grande que ata o momento trouxo aquí a nosa comunidade.

Baixo esa marca artéllase a entratexia turística este ano. Unha marca que xa non só funciona como distintivo de produto, senón como unha definición do destino.

No stand galego ponse o foco en experiencias concretas, dende o termalismo e a gastronomía ao Camiño de Santiago, pasando pola promoción de rutas culturais ou do eclipse solar do 12 agosto, xa que Galicia é o mellor lugar de Europa para comtemplalo.

O expositor galego concentrará ata este venres medio cento de actos promocionais.

Ademais, Galicia preséntase cunha imaxe renovada, cunha posta en escena que mestura tecnoloxía e sostibilidade, con paneis elaborados con máis de 52.000 botellas de plástico recicladas.

A escenografía complétase cun ceo dixital, pantallas en movemento ou materiais reflectantes.