Un instituto de Cambados, premiado por reinterpretar lírica medieval a ritmo de rap

CAMBADOS> Nun instituto de Cambados o rap e a lírica medieval conviven en total harmonía. O centro acaba de gañar un concurso convocado pola Xunta, coincidindo coa exposición do Pergamiño Vindel en Vigo.

Non se deixen enganar nin polo suadoiro de Carlos, nin polos seus ritmos. Este proxecto dos alumnos do Instituto Escultor Asorey de Cambados ten ás súas costas oito séculos de historia, porque a súa misión foi reinterpretar esta cantiga de amigo e adaptala ós novos tempos.

Cóntanos un dos protagonistas do video que o rap e as cantigas medievais casan ben, malia algunha que outra dificultade inicial.

Os rapaces seica tomaron ó pé da letra a reinterpretación da cantiga de amigo, porque –segundo nos contan- comparti-la experiencia entre compañeiros foi unha das mellores cousas que trouxo consigo o proxecto.

A pesar do resultado final, durante a gravación non todo foi un camiño de rosas. O día que foron filmar á Torre de San Sadurniño, o tempo xogoulles unha mala pasada. Xa resgardados das inclemencias meteorolóxicas, o proxecto rematou de tomar forma no instituto.

Este concurso foi convocado polas secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura, coincidindo coa exposición do Pergamiño Vindel que se pode visitar no Museo do Mar de Vigo. A actividade tamén serviu ó alumnado para coñece-las múltiples facetas da lingua: o seu prestixio durante a idade media, como lingua de cultura e, de paso, a súa valía na actualidade como un idioma que se adapta ós novos ritmos e ós novos xeitos de comunicarse.

Como premio, os rapaces poderán visita-la mostra do Pergamiño e coñece-la illa de San Simón. Ademais tamén levarán para a casa unha cámara de vídeo, para que poidan seguir poñendo en práctica o seu talento.