A área de Pontevedra e O Salnés desmonta os seus vacinódromos con case o 94% da poboación vacinada

PONTEVEDRA> Adeus aos vacinódromos na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Hoxe comezou a desmontaxe dos dous puntos de vacinación masiva que se habilitaran no edificio da Xunta en Pontevedra e en Fexdega en Vilagarcía. Estas instalacións foron chave para facilitar a inmunización dos case 300.000 habitantes que ten a área sanitaria. A día de hoxe tan só ao redor de 18.000 persoas quedaron sen vacinar nesta zona.

Este xesto xa é historia na sala de exposicións do edificio da Xunta de Galicia en Pontevedra. A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés pechou hoxe os seus puntos de vacinación masiva contra a covid19 na capital e no pavillón vilagarcián de Fexdega, máis coñecidos como vacinódromos.

Dende que comezou a campaña, na área sanitaria xa se administraron 728.743 doses, con case un 94% da poboación da zona protexida fronte á covid19.

Tan só quedan ao redor de 18.000 persoas na área sanitaria que non recibiron ningunha dose. Para eles e para os que teñan algunha dose pendente os puntos de vacinación serán a partires de agora os hospitais. Aínda que non desbotan recorrer de novo aos vacinódromos se fora necesario.

Co peche do vacinódromo tamén se recupera a normalidade en canto ao dispositivo de tráfico e de aparcadoiro que se puxera en marcha na contorna do edificio da Xunta en Pontevedra.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí