O xuízo polo triplo crime de Valga celebrarase a porta pechada

VALGA> O xuízo polo triplo crime machista de Valga será a porta pechada. Hoxe as partes presentaron esta solicitude para evitar a posible revictimización dos fillos dunha das asasinadas e do acusado, José Luis Abet. Aínda que estaba previsto que a vista comezara esta mañá, finalmente a constitución do xurado ocupou máis de tres horas, o que obrigou a aprazar ata mañá o seu inicio. Será coa declaración do propio acusado. Recordemos que Abet se enfronta á petición de prisión permanente revisable por asasinar a súa exmuller, e á irmá e á nai desta, diante dos seus fillos en setembro de 2019.

Pouco antes das 10 da mañá José Luis Abet chegaba á Audiencia Provincial de Pontevedra. Hoxe estaba previsto que comezara o xuízo polo triplo asasinato machista de Valga en 2019, no que o acusado rematou a tiros coas vidas das súas exmuller, excuñada e exsogra. Os fillos da parella, que nese momento tiñan 7 e 4 anos, foron testemuñas do crime.

Pero finalmente a vista oral comezará mañá. Hoxe foron necesarias máis de 3 horas para constituír o xurado popular que se encargará do caso. Estará formado por sete mulleres e dous homes.

Tamén hoxe se decidiu que o xuízo se celebrará a porta pechada a petición das partes. Co obxectivo de evitar a revictimización dos nenos. Só será pública a lectura do veredicto do xurado.

O xuízo dará comezo mañá ás 10 da mañá coa declaración do acusado. Tamén está previsto que falen dez testemuñas. Segundo o calendario establecido, pola sala de vistas pasarán preto de 70 persoas.

José Luis Abet enfróntase a unha pena de prisión permanente revisable. Está acusado de tres delitos de asasinato, un de tenza ilícita de armas e dous de lesións psíquicas graves, cos seus fillos como vítimas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí