PONTEVEDRA> A Deputación de Pontevedra dá por rematada a entrega dos informes da Oficina de Transformación Comunitaria aos concellos para implantar sistemas enerxéticos sustentables e eficientes. Hoxe reuníronse cos representantes dos once municipios que quedaban pendentes para explicarlles o potencial do programa +Renovables para a creación de comunidades enerxéticas. O goberno provincial está a mobilizar 750.000 euros nun proxecto que conta xa con sete comunidades enerxéticas constituídas en diferentes concellos.
Os concellos de Catoira e de Pontecesures foron dous dos once que hoxe recolleron na Deputación de Pontevedra os informes elaborados pola Oficina de Transformación Comunitaria para implantar sistemas enerxéticos sustentables e eficientes. Documento que ten en conta as particularidades territoriais e estruturais de cada municipio.
Hoxe os concellos recibiron as explicacións por parte dos técnicos das conclusións do informe. Dunha banda, o documento contextualiza o potencial de cada unha das enerxías renovables para cada municipio. Da outra, recolle un estudo de viabilidade para o desenvolvemento de plantas fotovoltaicas en edificios públicos. O proxecto conta cun orzamento de 750.000 euros.
Agora, a Deputación continuará asesorando aos concellos para avanzar na implantación destes novos modelos de produción e de consumo de enerxía máis sustentable. Actualmente, son sete as comunidades enerxéticas xa constituídas na provincia.
Estea iniciativa púxose en marcha hai case dous anos e foi deseñada para os 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Está enmarcada no proxecto +Renovables, do servizo provincial de Acción Comunitaria.











