CAMBADOS> A Mancomunidade do Salnés bota man da dixitalización para superar un dos retos máis importantes: optimizar o seu sistema de abastecemento de auga e planificalo para que resista as tensións que padece no verán polo impacto do turismo. Con este obxectivo, porán en marcha un sistema para a xestión intelixente deste recurso, que recollerá información a tempo real en 37 puntos da súa rede de abastecemento. Unha información que se procesará e que axudará a priorizar os investimentos. A intención é que estea en marcha xa neste mes de xuño.
No 2025, máis de 900.000 turistas visitaron a comarca do Salnés nos meses de xuño, xullo e agosto. Un éxito que presenta un importante reto para a Mancomunidade: garantir o correcto funcionamento do sistema de abastecemento da auga.
A súa aposta pasa por poñer en marcha unha Plataforma Intelixente de Xestión da Auga. Para elo, establecerán 37 puntos de control ao longo da rede, recollendo información a tempo real e centralizando a recepción destes datos.
Estes puntos ofrecerán información sobre o funcionamento e permitirán detectar anomalías, como por exemplo a perda de presión nos meses de máis consumo ou as posibles perdas que se produzan na rede. Algo que facilitará a toma de decisións coordinadas e planificadas.
Con toda esta información, a Mancomunidade poderá tamén planificar os investimentos. A intención é que estea operativo xa no mes de xuño.
O sistema está englobado no Módulo Intelixente da Auga na Xestión Turística do Territorio, que conta cunha achega de 410.000 euros, cun custo cero para os concellos. Esta contía está incluída no orzamento de case 1,2 millóns de euros que conseguiu a Mancomunidade polo proxecto do Destino Turístico Intelixente Salnés.











