VILAGARCÍA> Avanzan a bo ritmo as obras do novo centro de saúde de Vilagarcía. Esta mañá recibiron a visita do conselleiro de Sanidade, a súa homóloga de Infraestruturas, o alcalde da vila e varios concelleiros da corporación. Os traballos xa están a pleno rendemento, despois de que a sucesión de temporais afectara á súa planificación. Así as cousas, está previsto que a infraestrutura entre en funcionamento o vindeiro ano.
Entre esta imaxe e esta outra hai algo menos dun ano. En abril de 2025 poñíase a primeira pedra do futuro novo centro de saúde de Vilagarcía. Agora as obras avanzan a bo ritmo, recuperando o pulso despois da sucesión de temporais que afectaron á súa planificación.
Dende a Xunta explican que o centro de saúde será unha realidade no 2027. E segundo o conselleiro de Sanidade, a súa carteira de servizos será das mellores de Galicia.
Destacan no deseño as dúas grandes prazas que se crearán co novo centro de saúde. A principal, de mil metros cadrados, dá a Avenida da Mariña e será a entrada ao edificio. A outra, de 500, ábrese cara Elpidio Villaverde.
A nivel asistencial o centro de saúde terá unha superficie construída de máis de 8.000 metros cadrados e contará con seis áreas no seu interior: adultos, pediatría, fisioterapia, persoal e administración e Punto de Atención Continuada, cada unha con consultas e servizos diferenciados.











