CAMBADOS> O Grupo de Desenvolvemento Rural Salnés-Ulla-Umia celebrou onte a súa asemblea. Un encontro que lle serviu para facer balance do ano 2025 e do estado no que se atopan os proxectos que contan co seu financiamento. Dende o órgano apuntan que estas iniciativas están executadas case ao 100%, favorecendo así o desenvolvemento rural.
Case o 100% dos proxectos que contaron con financiamento do GDR Salnés-Ulla-Umia no 2025 están executados. É un dos datos que o órgano presentou onte na asemblea xeral celebrada en Cambados. Unha traxectoria que agardan manter neste 2026.
Dende os concellos, destacan a importancia das achegas que articula o GDR e que serven para impulsar tanto iniciativas públicas como privadas, fomentando o desenvolvemento do rural.
Nesta asemblea o GDR deu tamén a benvida a dúas novas entidades que se incorporan ao grupo. Son a Asociación Salnés Empresarial e APROMETUR. Unha mostra máis do dinamismo do órgano e do interese que xera entre os diferentes axentes da contorna.
A planificación do período LEADER 2023-2027 foi outro punto na orde do día. Neste marco lembrouse que a convocatoria de axudas correspondente a 2026 conta cun orzamento de case 982.000 euros, destinado ao financiamento dos 45 expedientes presentados para as anualidades 2026-2028.
No transcurso da Asemblea tamén se deu conta da preocupación existente no conxunto dos Grupos de Desenvolvemento Rural ante a proposta de Marco Financeiro Plurianual presentada pola Comisión Europea, que podería comprometer o futuro do segundo piar da Política Agraria Común e deixar sen financiamento específico o programa LEADER. Unha posibilidade que xa foi rexeitada polas diferentes asociacións de GDRs españois.











