Pontevedra estrea na Xunqueira da Gándara unha iluminación LED máis respectuosa coa fauna

PONTEVEDRA> En Pontevedra, a Xunqueira da Gándara e a Illa do Covo estrean nova iluminación. A intervención aposta pola tecnoloxía LED que, ademais de conseguir aforro enerxético, mellora o respecto á fauna da contorna. Esta mellora está incluída nun contra máis amplo por un importe de case 200.000 euros.

A senda natural da Xunqueira da Gándara xa conta con nova iluminación LED. Son 35 puntos de luz renovados, que substitúen as antigas lámpadas con equipos con esta tecnoloxía. Unha aposta que permite unha importante redución do consumo.

Outra vantaxe desta nova iluminación é que resulta moito máis respectuosa coa fauna da contorna. Permite adaptar os niveis de luz, respectando os espazos dos animais.

A substitución das luminarias permitiu tamén realizar unha mellora estética, grazas ao tratamento das propias farolas, mellorando as columnas e a instalación eléctrica soterrada.

Esta actuación forma parte dun contrato máis amplo orzamentado en 200.000 euros. Incluíu tamén a mellora e substitución doutras 102 luminarias no parque da Illa do Covo, xunto coa dotación de novas liñas de servizo para a escola infantil e a iluminación específica de elementos escultóricos. A mellora da iluminación está financiada a través dos fondos europeos NextGeneration, enmarcados no Plan de Sustentabilidade Turística en Destino do Concello de Pontevedra.