PONTEVEDRA> A Praza de España en Pontevedra acollerá este sábado 14 de marzo unha concentración contra a guerra en Oriente Medio. A convocatoria ten detrás á plataforma PararLaGuerra, que chama á cidadanía a mobilizarse para reclamar que cesen as hostilidades. Ademais, manteñen o foco na situación que se vive en Gaza, alertando da crise humanitaria que se vive no territorio. A concentración, que se replicará noutras cidades de España, será ás 12 do mediodía.
A plataforma PararLaGuerra fai un chamamento á cidadanía para que se mobilice en Pontevedra. Este sábado convocan unha concentración ás 12 do mediodía na Praza de España para reclamar que se pare a guerra en Oriente Medio.
Segundo os datos achegados pola plataforma, xa son máis de 1.600 as persoas falecidas neste conflito. Tamén destacaron os danos a infraestruturas e o impacto que terá a crise a nivel global, con medidas como o peche do Estreito de Ormuz, vía pola que circula o 20% do petróleo mundial.
Ademais de reclamar o fin da guerra en Oriente Medio, a plataforma mantén o foco sobre a situación en Gaza. Segundo cifras da ONU, xa son 72.100 as persoas mortas nos ataques contra Palestina. O 70% mulleres e nenos.
A pontevedresa é unha das convocatorias que se replicarán o sábado en cidades de todo o Estado. Entre elas, 23 galegas.











