A Xunta arquivará o expediente a unha nai enferma por non levar o fillo a clase por medo á Covid

PONTEVEDRA> Expedientada unha nai de Pontevedra por absentismo escolar. A muller sofre unha patoloxía que provoca inmunodepresión e decidiu non levar ao seu fillo a clase por medo a ser contaxiada de coronavirus. Tras denunciar este feito publicamente, a Xunta de Galicia trata de buscar agora unha solución.

Graciela Arias sofre dende hai anos unha enfermidade grave. Cada 21 días recibe un tratamento que provoca inmunodepresión, o que reduce a súa capacidade para combater infeccións e outras enfermidades. A esta complicada situación sumouse no mes de setembro un problema derivado da pandemia: o medo a que o seu fillo se infectase de coronavirus no Colexio Praza de Barcelos e a contaxiase.

A pesar de presentar un certificado médico onde se recomenda que o seu fillo busque alternativas á educación presencial para non poñer en risco a súa saúde, Graciela pasou a ser expedientada por absentismo escolar.

Esa resposta chegou onte pola tarde. Despois de facer pública esta noticia, Graciela recibiu unha chamada do delegado territorial de Educación en Pontevedra dándolle, por fin, unha solución.

A pesar de recibir esta chamada, Graciela asegura que non estará satisfeita ata que haxa unha resolución por escrito que lle garanta que o seu fillo vai a ter clases telemáticas.

Polo de agora, a Consellería de Educación emitiu unha orden a todos os colexios con instrucións para abordar casos similares aos de Graciela.