Os Premios Cidade de Pontevedra 2021 recoñecen o traballo a prol da lingua galega e do tenis de mesa

PONTEVEDRA> Os profesores Vitoria Ogando e Anxo González e o Club de Tenis de Mesa Monte Porreiro recolleron este mediodía os Premios Cidade de Pontevedra 2021. Nun pleno extraordinario convertido nun acto solemne, os tres recibiron estes galardóns que recoñecen a súa traxectoria e o seu vencello coa cidade.

Hoxe, 20 de xaneiro, Pontevedra celebra o día de San Sebastián, o seu patrón. E como é tradición, a corporación entregou tamén os Premios Cidade de Pontevedra 2021.

Nun pleno extraordinario convertido en acto solemne e nun Teatro Principal engalanado para a ocasión, os primeiros en recoller o premio foron os profesores Vitoria Ogando e Anxo González. Ela de Bos Aires e el de Lugo, chegaron a Pontevedra hai 40 anos e aquí decidiron quedar, exercendo como docentes de lingua galega nos institutos Valle Inclán e Sánchez Cantón.

Eles recolleron o Premio Cidade de Pontevedra como persoas físicas polo seu traballo a prol da lingua galega. Son os responsables do proxecto ogalego.eu que naceu xa no 2005 e tamén comparten os seus coñecementos na enciclopedia virtual Galipedia.

O premio á persoa xurídica recaeu no Club de Tenis de Mesa Monte Porreiro. Na súa representación, o seu director deportivo agradeceu a aposta polo deporte que se fai en Pontevedra, e resumiu o crecemento da entidade co lema ‘Do barrio a Europa’.

Álvarez aproveitou a súa intervención para poñer tamén deberes ao goberno local. Pediu a construción dun pavillón destinado ao tenis de mesa en Pontevedra e que a instalación leve o nome do seu pai, Lucho Álvarez, fundador do Club de Tenis de Mesa Monte Porreiro.