PONTEVEDRA> O Mareantes Rugby Club volve traer a Pontevedra o San Patricio. Dende a carpa instalada na praza do concello, a entidade aproveita o festivo do día 19 para desenvolver unha programación moi ambiciosa. A festa comezará o mércores 18 e prolongarase ata o domingo. Uns días nos que non faltarán a música, a maxia, a comida e, por suposto, a cervexa.
O San Patricio máis pontevedrés volverá celebrarse esta semana na cidade. Os Mareantes Rugby Club volverán ser os encargados de xestionar a carpa que se instalará do 18 ao 22 de marzo na praza do Concello.
O obxectivo é, como sempre, recadar fondos para o funcionamento deste club, que actualmente conta con case 200 membros. Para atraer ao público contan cunha programación ambiciosa, na que a música será un dos eixos centrais con concertos a diario. E contando, ademais, coa colaboración do Local de Música de Pontevedra.
Pero non só haberá música. Este ano o San Patricio inclúe dúas novidades. O día 19 haberá espectáculo de maxia a cargo de Yago Barral. Ademais, o día 20 celebrarase unha cata de cervexa a cargo de Cervexeiros Caseros Pontevedra. Neste caso, a entrada será de 20 euros.
Esta edición é especialmente emotiva para o Mareantes Rugby Club, xa que é a primeira que organizan tralo pasamento de Juan Manuel Juncal, un dos piares da entidade e do evento.











