O PSOE acusa á Xunta de discriminar a Pontevedra pola falta de investimento en Pasarón

PONTEVEDRA> O PSOE de Pontevedra reclama á Deputación que asuma a parte da Xunta de Galicia na renovación do terreo de xogo do estadio de Pasarón. Os socialistas acusan á administración autonómica de discriminar á cidade ao negarse a participar deste investimento, cando si o fixo no estadio da Malata, en Ferrol. A actuación está orzamentada en 1,7 millóns de euros, e o pleno pontevedrés aprobara financialo a tres bandas: concello, Deputación e Xunta.

O PSOE de Pontevedra acusa á Xunta de discriminar á cidade e ao Pontevedra Club de Fútbol. Faino despois da negativa do conselleiro de Deportes, Diego Calvo, a contribuír ao arranxo do terreo de xogo do estadio municipal de Pasarón.

Estes 2,4 millóns de euros investidos na Malata non estaban incluídos no convenio marco que o goberno autonómico ten co concello ferrolán para favorecer a práctica deportiva. No caso de Pontevedra, a proposta de Diego Calvo ao alcalde foi retirar os cartos precisos para intervir a Pasarón dun acordo semellante que ten a Xunta coa cidade.

A renovación do terreo de xogo de Pasarón está orzamentada en 1,7 millóns de euros. En febreiro deste ano, o pleno municipal aprobou por unanimidade reclamar a concello, Xunta e Deputación contribuír a partes iguais para sacala adiante. Ante esta negativa da Xunta, o PSOE dá un paso máis e reclama á institución provincial que asuma as dúas partes, ata os 1,1 millóns.

A terceira pata no financiamento da obra, a do concello, ten os cartos dispoñibles. Na última modificación de crédito negociada entre BNG e PSOE reserváronse 563.000 euros para asumir esta intervención en Pasarón.