A artesanía e o deseño volven a Pontevedra coa Feira Chalana

PONTEVEDRA> Pontevedra inaugurou hoxe a Feira Chalana, o evento de artesanía e deseño máis tradicional da cidade. En total, este ano son 12 as casetas que ocupan o Paseo Antonio Odriozola. Todas elas estarán abertas ata o vindeiro 16 de agosto con estritas medidas de seguridade.

Como cada verán dende hai xa trece anos, a artesanía e o deseño volven a brillar en Pontevedra coa Feira Chalana. Un clásico xa nesta cidade e que permanece a pesar da crise sanitaria.

Este ano a Feira está composta por 12 casetas. A meirande parte dos artesáns son galegos aínda que tamén hai outros participantes que veñen doutros puntos do territorio nacional. Os artigos son variados, dende xoiería e instrumentos tradicionais, ata produtos de cosmética.

E como non, nesta edición da feira tampouco podían faltar as máscaras.

Tras a crise do coronavirus, os artesáns están a vivir unha situación crítica. Moitos Concellos decidiron cancelar as feiras programadas para este verán. Un feito que causa grandes perdas económicas no sector.

No Concello de Pontevedra non só se mantén a feira, senón que ademais, amplíanse as datas de apertura. Estas casetas estarán abertas ata o 16 de agosto, en horario de 11:00 a 14:30 horas e de 19:00 a 22:30 horas.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí