O GROVE > Apostar pola vivenda industrializada para dar resposta á alta demanda. É a proposta que lanza a empresa Caslua. Con sede no Grove, a compañía traballa neste modelo de innovación no sector da construción, que permite optimizar os procesos e abaratar os custos. Esta liña de negocio súmase a outra que a empresa xa ten en marcha: a fabricación de casas cápsula sostible.
Construír unha vivenda optimizando os procesos, de xeito máis rápido e cun resultado moito máis eficiente e máis barato que co procedemento tradicional. Nesta empresa do Grove téñeno claro: o futuro da vivenda pasa pola construción industrializada.
Para instalar esta vivenda industrializada, só é preciso contar cun terreo edificable. A casa montarase en España con compoñentes fabricados aquí e outros que chegarán dende China.
Con estas vivendas industrializadas, a empresa Caslua quere responder a unha demanda que detectou a raíz da súa primeira liña de negocio. Son estas vivendas cápsulas, pensadas sobre todo para un uso máis turístico ou vacacional.
Estas cápsulas fabrícanse en China. O seu prezo oscila entre os 25.000 euros da opción máis básica aos 73.000 da totalmente equipada.
Caslua xa vendeu doce, que están instaladas en puntos de Andalucía, Canarias, Asturias ou Valencia.
Visita do Delegado do Goberno
Hoxe o delegado do Goberno en Galicia e o alcalde do Grove visitaron a casa cápsula que Caslua ten como modelo. Tamén coñeceron de primeira man os avances na liña de negocio ao redor da vivenda industrializada.
Durante a visita, Pedro Blanco puxo en valor o papel de iniciativas como esta, que sitúan a Galicia na vangarda dun novo modelo de edificación baseado na industrialización, a eficiencia e a sustentabilidade.
Neste senso, Blanco subliñou que o Goberno de España está a impulsar un cambio de paradigma no sector da construción, apostando por modelos máis modernos e eficientes que permitan aumentar a oferta de vivenda e facelo en mellores condicións. Así, lembrou a posta en marcha do PERTE da Vivenda Industrializada, dotado con 1.300 millóns de euros, co obxectivo de modernizar o sector e favorecer este tipo de iniciativas. O delegado incidiu tamén na importancia da colaboración público-privada para afrontar o reto da vivenda.
Pola súa banda, para o rexedor José Antonio Cacabelos, a aposta pola vivenda industrializada podería ser unha opción á hora de construír vivenda pública.











