RIBEIRA> A Xunta de Galicia cederá o contrato das obras de humanización de Palmeira a outra empresa ante a imposibilidade da adxudicataria de continuar cos traballos polas graves dificultades económicas que atravesa.
As obras de humanización da travesía de Palmeira, iniciadas hai un ano, levan semanas paradas. A empresa adxudicataria presenta problemas de viabilidade económica que lle impiden continuar coa execución dos traballos polo que a Consellería de Vivenda e Infraestruturas cederá o contrato a outra firma que se fará cargo do proxecto de xeito inminente.
As xestións que están a desenvolver conxuntamente a administración autonómica e o concello teñen por obxectivo axilizar o máximo posible o procedemento para a cesión do contrato de xeito que se poidan manter os prazos de execución.
Se a actuación non experimenta novas demoras, a travesía debería entrar en servizo este verán.











