RIBEIRA> A presión veciñal evitou a instalación dunha antena de máis de 40 metros de altura en Palmeira, nunha parcela pegada ás vivendas e moi próxima ó colexio. Foron os propios residentes na zona os que alertaron ó concello que, tras comprobar que a obra, carecía dunha serie de permisos e informes sectoriais requiridos procedeu á súa paralización.
Os veciños de Palmeira en pé de guerra para evitar a instalación dunha antena de telefonía móbil moi próxima ás vivendas. Hai uns días observaban con estupefacción como se iniciaban os traballos de montaxe desta infraestrutura de máis de 40 metros nunha parcela da Lomba.
Trátase dunha zona moi poboada, con numerosas vivendas e na que se empraza tamén o colexio público da localidade.
Ademais do impacto paisaxístico, temen que as ondas electromagnéticas poidan ter efectos prexudiciais sobre a saúde tan só visible a longo prazo.
Se ben entenden que a antena é necesaria para garantir a cobertura na parroquia, consideran que existen outras zonas máis afastadas das casas.











