A POBRA> Na súa aposta por favorecer a conciliación, o concello da Pobra volverá poñer en marcha este verán o programa ‘Móvete’. Vai dirixido a nenos de 3 a 12 anos que disporán dunha alternativa de lecer durante todo o período non lectivo.
Tan pronto se publiquen as bases no Boletín Oficial da Provincia, o concello da Pobra abrirá o prazo para inscribirse no obradoiro ‘Móvete’ que se desenvolverá durante o verán. Haberá catro quendas que darán cobertura a tódolos períodos non lectivos para favorecer a conciliación das familias ó tempo que os nenos reciben formación en valores dun xeito lúdico.
As cotas veñen fixadas pola normativa de prezos públicos, sendo de 70 euros por cada mes, e 15 euros nos períodos de xuño e setembro. Haberá ademais bonificacións para segundo irmán reducindo o custo á metade e de balde a partir do terceiro.
As familias interesadas dispoñen de prazo ata o 5 de maio para realizar a inscrición, ben a través da sede electrónica ou na oficina de rexistro do concello. O 19 de maio publicarase a listaxe provisional e os admitidos deberán efectuar o pagamento ata o 27 de maio. A lista definitiva publicarase o 10 de xuño.










