NOIA> Noia prepárase xa para acoller a 40 edición do Rali de Noia.
A cita será a seguinte fin de semana, do 17 e 18 de abril.
Na presentación oficial da proba, a segunda do Campionato Galego da especialidade, que se levou a cabo no consistorio noiés, tomaron parte ademais dos membros da organización, a escudería Berberecho, representantes dos distintos concellos polos que discorre a proba, que destacaron a importancia desta cita, nunha edición ademais especial, cargada de emoción e espectacularidade.
Na edición deste ano participarán uns 140 pilotos. O arranque da proba, que será o venres 17, ás oito e media da tarde dende o parque pechado de Labarta, presenta este ano grandes novidades.
Coñecida a ausencia de Víctor Senra por motivos de saúde, Daniel Berdomás, Alberto Meira ou Iago Caamaño parten coma principais favoritos a levarse o trunfo nesta edición.
Dende a organización quixeron agradecer tamén a colaboración dos distintos concellos polos que discorre a proba, así como tamén ás distintas empresas e negocios que co seu apoio fan posible poder levar adiante un acontecemento deportivo de tal magnitude.







