VILAGARCIA> Uns 250 mozos e mozas de Vilagarcía, Cambados, A Illa, Vilanova e Rianxo participaron este venres no Panos Brancos contra a droga. Trátase dunha iniciativa da Fundación Galega contra o Narcotráfico que busca atraer á rapazada cara a hábitos de vida saudable. Neste caso, fomentando deportes como o baloncesto, o atletismo ou o voleibol.
Trátase dunha das actividades máis emblemáticas da Fundación Galega contra o Narcotráfico e que, un ano máis, volveu espertar o interese da mocidade do Salnés e O Barbanza. Falamos do torneo Panos Brancos contra a droga que este venres reuniu en Vilagarcía rapazada deste concello e de Cambados, A Illa, Vilanova e Rianxo.
E o deporte é unha boa ferramenta para eses obxectivos, mesturando benestar, saúde e lecer. Neste torneo houbo tempo para o baloncesto, o atletismo, o voleibol e o fútbol.
Unha iniciativa que ademais fai que a rapazada reflexione sobre o mundo das drogas nunhas idades especialmente delicadas.
Con todo dende a Fundación Galega contra o narcotráfico amosan a súa preocupación co coqueteo dos mozos e mozas de entre 12 e 18 anos con certas substancias, en especial o cannabis.
E alertan en especial da desinformación e bulos sobre cuestións terapéuticas vencelladas a esta droga.











