O PORTO DO SON> Despois do éxito da primeira edición celebrada o pasado ano, o Real Club Náutico de Portosín volve a coller as rendas da organización do Campionato Galego de Wingfoil.
A competición, que terá lugar esta vindeira fin de semana, o sábado 16 e o domingo 17, poñerá de novo ó náutico sonense como referente das grandes probas velísticas celebradas non só en Galicia, senón tamén en todo o ámbito nacional, como aconteceu a pasada fin de semana coa disputa do Campionato de España ILCA Master.
O wingfoil é unha modalidade que destaca pola súa espectacularidade, sendo unha mestura doutras disciplinas como é o caso do windsurf e o kitesurf, que está a experimentar un crecemento notable nos últimos anos entre os afeccionados ós deportes acuáticos.







