A renaturalización do Gafos arranca o luns con traballos na zona de Alcalde Hevia

PONTEVEDRA> Luns 18 de maio. É a data na que comezarán as obras de renaturalización e destape do río dos Gafos. Resoltos os trámites administrativos que estaban pendentes, as empresas que se encargarán dos traballos xa aprobaron o calendario das obras. De cumprirse, a ambiciosa intervención no Gafos estará rematada en maio do ano que vén. Está previsto que as obras comecen por Alcalde Hevia, a zona máis próxima á escola infantil.

O agardado proxecto de renaturalización e destape do río Gafos comezará a executarse o vindeiro luns 18 de maio. Os traballos comezarán na zona de Alcalde Hevia, a máis próxima á escola infantil.

Segundo o plan de obra, dende Alcalde Hevia irase avanzando cara a Xeneral Rubín. Está previsto que sexa a partires de xullo, xa fóra do período lectivo, cando se comece coa demolición do paseo de formigón e dos elementos que soterran o río.

A seguinte fase dos traballos desenvolverase entre outubro e xaneiro de 2027. Consistirá na execución das redes de abastecemento, as canalizacións eléctricas e de telecomunicacións ou a instalación do novo alumeado público. Tamén se iniciará a urbanización do parque.

Xa entre xaneiro e marzo habilitaranse os pavimentos finais, as pasarelas peonís e varandas e as áreas infantís. De cumprirse o previsto, as obras rematarán a mediados de maio de 2027 coas intervencións de xardinería, a instalación do mobiliario urbano e a limpeza.