PONTEVEDRA> O concello de Pontevedra inicia os traballos para renovar 40 quilómetros de vías urbanas, rurais e industriais. Xa está en marcha o maior plan de reposición de firmes da historia do municipio, que conta cun orzamento de máis de 4,4 millóns de euros. As obras, que permitirán incorporar novas medidas de seguridade viaria, comezaron esta mañá na rúa Doce de Novembro.
O maior plan de reposición de firmes da historia de Pontevedra, segundo o goberno local, xa está en marcha. A previsión é que esta intervención supoña a renovación de 40 quilómetros de vías urbanas, rurais e industriais.
Os traballos arrancaron esta mañá na rúa Doce de Novembro. Nos vindeiros días avanzarán polas vías urbanas e periurbanas da cidade.
De forma paralela, despregaranse os lotes do rural e dos polígonos industriais. O vindeiro 25 de xuño as máquinas comezarán a traballar nas parroquias de Campañó e Salcedo. Neste mesmo mes tamén se iniciarán as obras nos parques empresariais do Campiño e O Vao, espazos nos que se vai renovar o 100% da superficie rodada.
Dende o concello explican que a intervención irá máis aló da renovación do aglomerado e da mellora da capa de rodadura.
O prazo para completar todas as actuacións é de catro meses e medio, sempre condicionado á evolución meteorolóxica.











