O Hospital do Salnés cumpre 25 anos convertido nun referente asistencial

VILAGARCÍA> O Hospital do Salnés celebrou por todo o algo o seu cuarto de século de historia. O auditorio de Vilagarcía acolleu o acto conmemorativo, que congregou a numerosos representantes institucionais, entre eles o presidente da Xunta Alfonso Rueda, e veciñais da comarca. Dende a área sanitaria puxeron en valor o traballo realizado polos profesionais do centro nestes 25, converténdoo nun referente asistencial.

O Hospital do Salnés cumpre 25 anos de vida, unha efeméride que non se deixou pasar de longo. A comarca celebrou onte o aniversario do seu centro. E fíxoo con orgullo. Poñendo en valor a súa evolución ata converterse nun referente asistencial.

Actualmente, o centro comarcal atende unha poboación de 75.000 persoas. Conta con case medio cento de profesionais que o manteñen en funcionamento. Onte tamén tomaron a palabra para celebrar estas vodas de prata.

Profesionais, colectivos veciñais e tamén representantes políticos participaron do acto de onte. Xuntos repasaron a traxectoria deste Hospital do Salnés que, trala súa entrada en funcionamento no 2001 viu como o Sergas ampliaba as súas instalacións no 2011, incrementando a súa actividade cirúrxica, transformando a área de Urxencias e adaptando os espazos ás novas demandas.

Neste tempo, o centro tense consolidado como un referente en Galicia polo seu modelo de parto respectado e os nacementos en bañeira. Ademais, dende o ano pasado é o único hospital público galego que conta coa distinción do Ministerio de Sanidade Iniciativa para a Humanización da Asistencia ao Nacemento e Lactación.

Os datos asistenciais que deixa o Hospital do Salnés nestes 25 anos de vida son para celebrar. Supera os 3 millóns de intervencións, con case 2 millóns de consultas externas realizadas, máis dun millón de urxencias atendidas e 105.000 intervencións cirúrxicas realizadas.