Ana Pontón fala da creatividade e a innovación como as claves para as solucións ‘made in Pontevedra’

PONTEVEDRA> Visita da voceira nacional do BNG a Pontevedra. Ana Pontón mantivo un encontro con representantes da formación na cidade e membros do goberno local para analizar a súa xestión marcada, dixo, pola creatividade e a innovación. Solucións, dixo, ‘made in Pontevedra’ que son ‘made in BNG’ e que fan da cidade unha referencia.

A creatividade, a innovación e a confianza no país son os tres ingredientes que, segundo a voceira nacional do BNG, fan diferente o modelo de xestión do goberno local de Pontevedra. Algo que fai da cidade un referente.

O proxecto de promoción da cidade buscando nichos propios a través da celebración de eventos, o modelo urbano, os modelos de xestión da auga e dos residuos, a rexeneración do Gafos ou o coche do punto, son algúns dos exemplos postos por Pontón para poñer en valor o traballo do equipo de Miguel Anxo Fernández Lores.

Pola súa banda, o rexedor pontevedrés celebrou a visita de Pontón. E defendeu que ao seu equipo gústalle pensar Pontevedra en grande.

Ademais de Fernández Lores e de varios concelleiros do seu goberno, a este encontro coa voceira nacional do BNG asistiron o deputado Luís Bará e a responsable local Sabela Bará.